domingo, 29 de xuño de 2014

ENCONTRO DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO CON 4º DA ESO


O encontro cos alumnos de 4º da ESO, con Antonio García Teijeiro foi moi especial, pois as emocións estaban a flor de pel xa que significaba tamén unha despedida dos alumnos que, na maioría dos casos, levan xuntos compartindo momentos dende os tres anos (a súa etapa infantil) ata a súa adolescencia (4º ESO).
 Ao longo deste curso académico os alumnos de secundaria do Colexio Possumus contaron con obradoiros semanais de creación literaria, sobre todo poética ao carón do seu mestre-poeta AGT. Nesas sesións os alumnos educaron a súa sensibilidade poética ao tempo que reflexionaron sobre o feito da creación coma un xeito de "necesidade vital" onde un se pode baleirar. Ao longo destes meses gozaron coa palabra poética de varios autores pero sobre todo dos trobados polo gran trobador de todos os tempos, Paco Ibáñez. Os alumnos escoitaron, sentiron, recitaron, crearon e cantaron os versos de : Lorca, Alberti, Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, Nicolás Guillén, César Vallejo, Alfonsina Storni, Pablo Neruda e Rubén Darío entre outros moitos referentes literarios.
Toda unha marabillosa experiencia que foi depositando en cada un deles o pouso sereno do verso que reivindica xustiza, liberdade, igualdade e solidariedade; en definitiva, un mundo mellor, máis plural onde a diferenza sume pero nunca reste.