luns, 30 de xuño de 2014

ENCONTROS LITERARIOS CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

A mañá do luns 16 de xuño de 2014 estivo chea de emoción, sentimento ao redor da palabra poética, narrada e sentida por parte de dous dos escritores máis salientables do actual panorama da LIX galega: Antonio García Teijeiro e An Alfaya.
O primeiro dos encontros foi con 2º da ESO no que os alumnos compartiron con Antonio poemas de "Na fogueira dos versos" (Xerais) ,poemario que leva xa dous anos acompañándoos e que forma parte de si. Os alumnos leron , recitaron, cantaron e contaxiaron a maxia poética.
Tamén nese mesmo encontro os alumnos compartiron con A.G.T. as súas impresións sobre a lectura do libro : "Os peixes de cores", traballado durante todo o ano nas sesións de libro- fórum. Libro de referencia se falamos do autocoñecemento humano. Trátase dunha viaxe iniciática cara ao interior do ser humano. Aquilo que o autentifica como persoa e o relaciona co medio que o rodea. Aprenderon o verdadeiro valor da amizade, moitas veces devalorada, tamén o da xustiza (O home de Nebraska). Foron conscientes de que a guerra supón o fracaso máis grande da humanidade, pero que cada un de nós ten que loitar por acadar os seus peixes de cores.